Parrotroca – Taboleiro economía alternativa

A Asemblea Parroquial tomou o acordo de revitalizar o PARROTROCA como xeito alternativo de establecer as relacións económicas e de poñer en valor os recursos dos que como grupo humano e comunitario dispoñemos.

Porque cada vez que mercamos… gastamos os cartos, o traballo, os recursos do planeta.

Porque cada vez que mercamos… consumimos auga, enerxía, tempo, esforzo, materias primas.

Porque cada vez que mercamos… decidimos se a empresa que explota a nenos da India vai medrar, se a petroleira responsable do último vertido vai seguir enriquecéndose.

Porque cremos noutro tipo de relacións comerciais e persoais, propoñemos…

  • que cedamos as cousas que non necesitemos
  • que, antes de mercar, busquemos se alguén nolas pode facilitar
  • que, se alguén precisa axuda nunha tarefa, a solicite
  • ofrecernos se sabemos facer algo

Como o faremos?

Por medio dun taboleiro na parede que hai xunto ao despacho parroquial no que se colgarán as demandas/ofertas, que serán difundidas tamén na páxina web e no facebook da parroquia1.

Como teño que facer?

Se ofrezo ou preciso algunha cousa…

Cubro unha das tarxetas adxuntas cos datos do que oferto ou demando e cos meus datos de contacto (nome, teléfono, email), e a deixo no buzón do parrotroca ou a entrego a Rodrigo, Lucas ou Fran. Ou envío eses datos por email: trocoalternativo@gmail.com

Se só preciso que me presten unha cousa durante un período determinado de tempo…

Cubro unha das tarxetas específicas para préstamos cos datos do que demando, incluída a duración estimada do préstamo, e a deixo no buzón do parrotroca ou a entrego a Rodrigo, Lucas ou Fran. Ou envío eses datos por email: trocoalternativo@gmail.com

Se preciso algo que alguén ofrece…

Póñome en contacto coa persoa e chego a un acordo.

Cando o troco ou préstamo estea feito é importante que nolo comuniquedes no email ou nos teléfonos de contacto para dar de baixa a vosa demanda/oferta. Tamén podedes sinalalo directamente na tarxeta no recadro “troco/préstamo feito” e depositar a tarxeta no buzón do parrotroca.

Ademais no taboleiro hai información sobre outras opcións de troco, segunda man, etc. que podedes atopar tamén neste enlace

+info: preguntar a Rodrigo-695661756, Lucas-647293566 ou Fran-654164775 | email: trocoalternativo@gmail.com | www.comunidadebasecoia.org

1 Se alguén non desexa que ao difundir a súa demanda na páxina web e no facebook da parroquia aparezan os seus datos persoais (nome e teléfono), debe poñerse en contacto con nós para comunicalo.