O Evanxeo do Domingo 26 de Xuño

No Evanxeo deste domingo Xesús aparece co seu grupo de seguidores e seguidoras anunciando e vivindo o novo de Deus para o pobo máis ben polas comarcas arredadas de Galilea. Pero hai un momento no que decide baixar a Xerusalén, onde está o poder relixioso xudeu co que el se sabe claramente en conflito. Sabe de sobra que vai ser unha viaxe con consecuencias moi serias para el, para o seu grupo. Pero “decidiu en firme” ir aló. Vemos a un Xesús convencido, afrontando as dificultades, sen medos que o paralicen, ousado, con afán de defender a gloria de Deus defendendo a vida, o pan, a integración social e relixiosa das persoas máis débiles daquela sociedade…