Se tocan a Diego, tócannos a todas!

O compañeiro Diego enfróntase a un procedemento penal por unha suposta agresión a un axente da Policía Local desta cidade.

Hai uns meses, o barrio de Coia levou a cabo unha protesta, organizándose na que deu en chamarse “Asemblea aberta de Coia”, con motivo da colocación na rotonda da Avenida de Castelao do buque “Alfageme” por parte do Concello de Vigo, e o elevado e innecesario gasto público que elo significaba.

As protestas veciñais, en forma de manifestacións, concentracións e ocupacións foron sempre pacíficas durante os case catro meses que duraron as mobilizacións.

Mais non pode dicirse o mesmo da actuación da Policía Local de Vigo quen, enviados á rotonda polo Concello, protagonizaron duros enfrontamentos coa veciñanza, chegando a episodios violentos, nos que os axentes excederon claramente as súas funcións.

Unha das consecuencias destas actuacións policiais resultou ser a detención do compañeiro Diego.

O 15 de decembro de 2014, durante unha ocupación pacífica da rotonda de Coia, produciuse un forte despregue policial, con máis de 30 axentes que intentaron que a veciñanza non entrara na rotonda, sen éxito. En momento algún, os manifestantes despregaron nin violencia, nin forza física contra ningún axente, e a ocupación da rotonda conseguiuse finalmente mediante a constancia e a resistencia pacífica das alí presentes.

Porén, sorprendentemente, ese mesmo día, saltou a noticia de que dous axentes da Policía Local resultaron feridos na intervención na rotonda.

Desta forma, esa mesma noite, é detido un rapaz do barrio que nunca tivera participación nas protestas, por esa suposta agresión ós policías. Máis tarde, constataríamos no atestado que a identificación deste mozo fíxose mediante unha procura “aleatoria” no perfil de Facebook da Asemblea.

Ese mesmo día tamén, un axente da policía local entra na rotonda preguntando por Diego, en relación co mesmo asunto, segundo ás súas verbas “para falar con el en calidade de testemuña”.

Para facilitar as cousas, e por non ter nada que agochar, esa mesma tarde Diego identificouse ós axentes de policía local que continuaban na rotonda, sendo filiado a tal efecto. Estes non saben sequera de que lles fala Diego se cando presenta.

Non volvemos saber nada dese asunto ate que o 8 de xaneiro, xustamente coincidindo coa declaración doutro compañeiro, tras ser cara visible da Asemblea, aparecendo infinidade de veces nos medios de comunicación, Diego recibe unha chamada da Policía nacional para que se presente ó día seguinte co fin de declarar sobre os feitos ocorridos o día 15 de decembro.

E aquí é onde nos atopamos co “sinsentido” de toda esta historia, cando, personado o 9 de xaneiro na Comisaría de Policía, Diego é detido e ingresado en calabozos, pola suposta comisión dun delito de atentado e outro de lesións contra un axente da Policía local de Vigo, o axente nº 294509. Diego é posto en liberdade ese mesmo día en agarda do procedemento xudicial.

Así, polo Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo ábrense dilixencias penais nas que Diego é acusado de golpear e tirar ó chan ó axente, feitos que, constituirían un delito de atentado e outro de lesións.

Ningunha das acusacións que fai o policía é certa. Diego non tocou ao axente, estaba alí como o resto das manifestantes. Este axente sufriu unha caída fortuíta, na que se mancou, como puideron ver varias compañeiras. Pero o axente sorprendentemente segue a insistir en que é Diego quen o golpea e empurra para tiralo.

Nun sistema xudicial no que a versión dos axentes de policía é case irrefutable, constituíndose na gran maioría das ocasións en única proba de cargo que sustenta as condenas, a situación de Diego tórnase complicada.

Neste intre a instrución da causa atópase concluída, en agarda de que o axente de policía reciba a alta médica, xa que, dende que sucederon os feitos o 15 de decembro atópase en situación de incapacidade temporal, debido á lesión que lle causou a caída.

Isto supón case 10 meses de indemnización en caso de que Diego sexa condenado, e arredor de 13.000 Euros en total.

Polo de momento non temos escrito de acusación, ate que non se emita o correspondente informe forense de sanidade, pero case con total seguridade, Diego enfrontarase a unha petición de máis de dous anos de prisión e a unha responsabilidade civil de máis de 13,000 euros, que habería que pagar inescusablemente se finalmente Diego é condenado.

Outubro 2015

Asemblea Aberta de Coia