Moitas son as voces que reclaman que para erradicar a pobreza comece a terse en conta a raíz do problema, a grande acumulación de riqueza por parte dunha minoría. Neste artigo recalcase que a falla de dereitos laborais nos países do Sur o único que fai é perpetuar a súa pobreza.
“Dividendos, obxectivos do milenio e salarios de pobreza”, Nanda Couñago e Eva Kreisler (21/07/2010)
Ás veces hai feitos que parece que non teñen relación entre si, pero que xeran inquietudes e animan á reflexión. O pasado 13 de xullo celebráronse as Xuntas de accionistas de Inditex e Adolfo Domínguez. Entre outras cousas, coñecemos que Inditex aprobaba unha repartición de dividendos de 748 millóns en dividendos e que o beneficio consolidado de Adolfo Domínguez ascendía a 971.000 euros.
Mentres en Galicia presentábanse estas cifras positivas, tres días máis tarde o “Grupo de Impulsores” dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio reuníase en Madrid para traballar cara a erradicar a fame e a pobreza no mundo.
En paralelo, desde Asia chegan noticias de que as traballadoras e traballadores das fábricas que fornecen ao mundo de roupa e compoñentes electrónicos xóganse a vida para defender os seus dereitos e reivindican que se lles pague un salario que lles permita cubrir necesidades tan básicas como alimentar ás súas familias.
Vemos como en China, Foxconn, fabricante do iPhone de Apple e de computadores para Hewlett-Packard, viuse obrigado a dobrar os salarios base dos seus traballadores ante as críticas recibidas e a deterioración na imaxe dos seus importantes clientes ao coñecerse que en tan só 5 meses, 10 traballadores suicidáronse e outros 3 tentárono.
En Bangladesh, o país cos salarios máis baixos da industria global de roupa -uns 18 euros ao mes-, miles de traballadore/as levan semanas saíndo á rúa para reclamar que o salario mínimo alcance os 57 euros e ter unhas condicións dignas de traballo. En menos de 10 anos, só neste sector, os mal chamados “accidentes” laborais cobráronse a vida de 273 traballadores/as.
Colectivos de defensa dos dereitos laborais como a Campaña Roupa Limpa, seguimos constatando, a través das denuncias que nos fan chegar as traballadoras e de investigacións propias que as condicións de traballo e de vida nos países onde se fabrica a nosa roupa seguen sendo dantescas: á inseguridade laboral e os salarios de miseria, súmanse xornadas de até 21 horas, horas extraordinarias obrigatorias e non remuneradas e intimidación, acoso e despedimentos ao/as que tratan de formar un sindicato para mellorar as súas condicións de traballo.
O emprego que se xera nestas condicións de traballo lonxe de contribuír ao Desenvolvemento perpetúa ás persoas na pobreza.
Por iso é difícil de entender que se deixe a vixilancia dos dereitos humanos en mans de quen fan negocio co seu incumprimento. Fronte á Responsabilidade Social Corporativa das transnacionais reclamamos esixibilidade xurídica. Cantos suicidios e mortes necesitamos máis para virar a cabeza e ver o que pasa alén do mundo? Como medio cara á erradicación da pobreza, sería necesario construír unha gobernanza mundial que regule as operacións das transnacionais e que garanta o respecto dos dereitos humanos nas cadeas produtivas globais. Analizarase todo isto nas reunións dos Obxectivos do Milenio?
- – -
Fonte: www.altermundo.org/content/view/3357/1/




